Mostrando entradas con la etiqueta new. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta new. Mostrar todas las entradas

jueves, 19 de noviembre de 2015

Nunca sobes, sen antes baixar

E sigo rebentando palabras nos meus pulmóns, sigo chorando promesas que fai tempo que se romperon.
Respiro aire e entra lume, só iso, lume azul e negro. 
Aguanto a respiración mentres estalan todas as veas das mans, e un xemido corta a miña respiración. 
"Nunca sobes, sen antes baixar"
Pero sigo sen subir, quédome no terceiro banzo dunhas escaleiras infinitas e inacabadas. Tamén descoñecidas, pero demasiado fáciles. E o ceo non cambiou, segue gris, máis ou menos como a miña mente, baleira e nubrada. 
//
Acto seguido alguén me escoita, sen falar. Aínda así, síntome atrapada no cadro do Grito de Munch. O cuarto empequenece, estala en cores difusas. 
E de novo o lume, nin azul nin negro. Encho os pulmóns e lembro conversas, inventadas ou soñadas. Pode que incluso reais. Falábamos dunha melodía longa e doce, pero triste e chorona. Sorríamos mentres lle permitíamos ás nosas cabezas reproducir sons e sorrisos que nin sabíamos que existían.
Nada diso nos pertence xa. Nin sequera o lume segue sendo o mesmo. Pero algo segue permanecendo, inherente a calquera distancia temporal, ou incluso ás tempestades demasiado calmas.
Finalmente aprendemos a golpes, contra rúas, persoas e situacións. Con distintos acordes, pero sempre a mesma intérprete. 


"Pode que só sexa unha rapaza con moito tempo de lecer..."