O son do vento esperta o meu sentido da percepción, na miña cabeza unhas imaxes comezan a formarse… Vexo o mar, as ondas e as olas, a marusía e o vento, están a arrolar unha historia, aínda que mais ben parecen arrolar unhas bágoas no tempo.
“Hai unha rapaza, está chorando rodeada dunha paisaxe verde escura, recórdame a un val, a unha ría. Atópase no alto dun faro vermello e branco, oxidado, roto e moi vello. A miña cabeza parece voar polo aire, vexo como o antigo faro sobresae, semellante a un brazo que tenta agarrar ao mar. O ceo está negro, as nubes mestúranse con cores apagadas e os raios tentan saír entre elas. Non chove, pero vai moito vento. En fronte teño aos rumorosos aguantando fortes os lategazos do noroeste.”
Non! Concéntrate! De novo desapareceu todo…
Os ollos cánsanseme, os brazos case non se moven, o frío arrepíame os diminutos pelos do lombo, revolucionando por completo a miña pel. Unha luz ao lonxe, tremelucindo, avisa de que o meu día remata, sen embargo, algo é diferente, non a provocas ti. Xa non está, desapareceu e co seu adeus insonoro, a soidade que acompaña á choiva molloume os máis bonitos pensamentos.
Sinto un ácido baleiro no meu estómago, a garganta resécaseme a pesares da humidade do aire, e os ollos pícanme porque este escintileo que me ilumina é artificial. Mentres, imaxínote lonxe, sinto que as túas mans non me tocan a min, que os teus beizos non me pertencen e o teu sorriso seméllaseme un platónico adormecer.
Tento respirar, pero ata a man me treme. Odio ter que volver a estes días, aborrezo lembrar ás veces como todo pasou tan rápido. Ser tan parva que ata pensei que xa non me doía. Intento acomodarme a esta situación, facer como que non importa, pero aínda que xa non te queira, segue queimándome por dentro ver como te afogas e ninguén fai nada.
Mais, á fin e ao cabo, nestes momentos doume conta de por que estou así, e simplemente é polo meu centro de luz, ese que me aporta enerxía e cargas positivas xa non está… Ás veces cánsome, de que? Aínda non o teño moi claro.
Déitome na cama e quédome a mirar para as figuras que o fume do meu cigarro tenta debuxar. Pecho os ollos, penso en como ule o mar…
“Volvo suspenderme no aire de forma transparente, asústome porque sen saber por que, teño uns ollos verdes caramelo xusto en fronte dos meus… Tento afastarme pero non son quen de facelo. É unha cara de boneca, branca, unha faciana serea que desbota bágoas.
De súpeto, a miña posición cambia, agora xa estou no medio do mar mirando cara aquel faro. E dun intre a outro vexo como unha figura de cor amarela cae, lentamente, cortando o aire.”
AH! Pero que é isto! Unha dor aguda na man dereita despértame. Era o cigarro, xa se consumira.
Non sei que é todo isto, a veces penso que me estou a volver tola. Cheguei a xurarme que nunca máis ía tentar facelo, que cando pechase os ollos só sería para durmir, que non me volvería penetrar nese mundo. Sen embargo, as miñas neuronas parecen que queren dar un golpe de Estado no meu cerebro, porque sempre volvo a caer na tentación das letras…
Quero ser anónima, un individuo máis que camiña pola rúa e pasa desapercibida. Pero non é así, polo menos se fora do famoseo entenderíao todo, mágoa que sexa polo torpe do meu ser.
O peor é que ás veces pecho os ollos e só atopo escuridade, unha escuridade que me trae pensamentos impuros e dolorosos, pensamentos sobre ti, maldita carga! Ogallá algún día poida ser capaz de facelo…. Ogallá… Conseguireite poñer na miña lista negra dunha vez.
“Xa estou aquí de novo? Ás veces non entendo estas viaxes cando comezo a falar, pode que a miña mente tente refuxiarme por estes lares. Tento fregar os ollos, non vexo todo o ben que quixera, o ceo segue a estar moi pechado. Oio uns laios, e ao meu carón atopo a un rapaz… Ou unha rapaza, de pelo curto, vestida cuns pantalóns de tirantes e esfarrapados e unha camisa que algún día puido ser branca, na súa man agarra un pano amarelo.
Levántase, camiña cara unha porta, a porta daquel faro, e alí bica unha fotografía. Achégome, a cara seméllaseme familiar, os ollos verdes! Agora todo ten sentido! Era a rapaza aquela figura amarela do anterior sono!”
Volvo espertar, o meu móbil está soando… Miña nai, que quere saber como estou, pois coma sempre, xa nos veremos na fin de semana, bicos. Se non fose porque é miña nai, xa a tería esquecida fai uns cantos anos, non me creo nin eu que a miña situación chegue ata ese punto de tolería.
Que acaba de ser iso?! Sentín coma unha agarimo na man, e logo un bico na meixela esquerda. Tócoa, está mollada, é unha lágrima. Pero, se eu non estou a chorar…
-Óscar? Perdoa, preciso outra dose de tranquilizante…
- Vale, chegarei en media hora, non te alporices e descansa, xa entro eu cas chaves que tes debaixo da maceta da porta.
-Grazas.
“Estou nun cuarto, sentada enriba dunha cama. As paredes parecen estar feitas de area, e o teito está adornado con manchas xigantescas de humidade. A ventá parece a do cadro aquel de Dalí, non recordo o nome, podo ver unha praia.
Pero algo é distinto en min, xa non me sinto baleira coma antes, incluso podo sentir os resortes do colchón… Tamén sinto o frío, nin o día do faro o sentira con aquela ventada… Levántome, estes non son os meus zapatos Nike, levo uns demasiado vellos e enlamados como para que sexan meus… Eh! Estas tampouco son as miñas mans! Que demos me está a acontecer!”
A voz de Óscar espértame preocupada, estaba a suar. Tentei falar pero a miña garganta non me respondía e os meus ollos xa se pechaban. Grazas Óscar, ti coma sempre tan atento e rápido. Oio uns pasos que se van afastando, xa marchou.
“Outra vez a mesma escena, pero agora estou fronte a un espello… Mírome, recoñézome e á vez non. Imaxes dunha caída, duns ollos verdes, dun adeus quérote pasan diante dos meus ollos. Son a rapaza do pelo curto, pero ao mesmo tempo sigo a ser a adicta aos tranquilizantes… Nunca me pasara o de agora, teño medo.
De súpeto, o meu corpo sepárase do da rapaza, volvo a ser unha imaxinación dentro dun soño, e a rapaza volve a ser dona do seu corpo, desmaiase. Tento achegarme, reanimala, non hai maneira. Esperta, parece que os seus ollos me miran fixamente… E comeza a gritar.”
Cala, cala dunha vez! Volvo a estar no meu maldito piso de 40 metros cadrados, tirada na miña cama, con outro ataque de ansiedade… Tento coller o inhalador, e doume conta que debaixo hai unha nota: Para ti hipocondríaca esporádica, chamareite á noite, lémbrate de comer, non me fagas poñerte potitos en vena... Maldito Óscar, as súas parvadas son o único que me sacan un sorriso ultimamente.
Lévome as mans á cabeza, é insoportable a dor, pero como non sexa dese raro acontecemento do sono… Non importa, non penses, volveraste meter no…
“Tranquílizate rapaza! Como sigas a gritar a que se vai desmaiar son eu, maréome, e teño ganas de vomitar. De feito, a que agora cae nunha inconsciencia son eu…”
[Non, non sei porque carafio non podo despertar, a miña imaxinación estase a sobre pasar nisto do mundo aparte…]
“Escoito algo, é unha voz grave pero á vez moi feminina: Durmida, inconsciente poderás ser a única que me escoite ata que despertes… Calei, quedei paralizada, quería seguir a escoitar esa atormentada voz: Ela era a miña vida, todo o que me quedaba. Esta casa? Este noxento lugar só foi onde nacín e onde penso morrer algún dia. Primeiro o meu protector, e agora o que alumeaba cada despertar. Recordo o que aquel rapaz tan bonito me dixera 20 anos atrás: Xa sei a resposta á túa pregunta, polo menos o que ten que ver comigo. Eu existín para ser o teu amigo e coidar de ti, e así ser lembrado pola mellor persoa que existe no mundo, ti. Eu tamén sei para que existín, para sufrir e estou farta.
Non pode ser, comecei a cavilar e cavilar, parecía que tiña unha centrifugadora na cabeza. Xil, fai 10 anos, unha praia, nun caderno de coiro… Esta parecía ser a súa segunda parte.”
Deixei de soñar, caín no sofá do meu cuarto, corrín ata o meu caixón. Alí! Alí tiña que estar aquel caderno! Abrino, comecei a ler aquela historia… “Dende aquela maldita mañá…” Faltaba algo.
“Si faltan as miñas palabras, é dicir, as túas”
Non, mente, non me xogues outra mala pasada, non agora. Deixa os mundo fantástico a un lado, céntrate na realidade…
“E cal é a realidade Sarah?”
A realidade é esta, a do meu cigarro na man, as miñas doses de tranquilizantes, Óscar facéndome rir!
“Sarah, esperta.”
De onde teño que espertar! Es ti, imaxinación, a que tes que desaparecer, déixame!
Calou, xa non di nada. Quéimanme os pulmóns, a cabeza comeza a tocar tambores e bombos dentro da miña cabeza. As mans engúrranseme e péchanse, a rabia recórreme todo o corpo cunha pouca de terror que se mostran nos meus vermellos ollos.
“Non, dime que non volvo estar a soñar… Ti saberás Sarah, ti es a que podía desfacerse de min en canto o medo che recorría o corpo… Es ti real ou son eu?
Empurroume, caín para atrás, dinme un golpe tras outro, contra a mesa daquel cuarto seu, contra a cama, e finalmente contra a ventá…”
Parabéns, remataches por vencerme.
Mostrando entradas con la etiqueta Relato. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Relato. Mostrar todas las entradas
miércoles, 29 de agosto de 2012
martes, 30 de agosto de 2011
Primeiro premio Certame Literario Letras Galegas Alberto Romasanta
Se queredes saber quen son debedes esquecer o típico estereotipo de rapaza. Porque non o son, sobre todo dendo o día no que perdín toda inoncencia que me quedaba da miña dura infancia…
Pois ben, se estades de acordo comezarei con presentarme: Chámome Sarah, teño 15 anos e gústame dar paseos, eu soa, e mellor se son pola praia. Vivo nun pequeño pobo no medio de ningures, nalgún lugar dunha costa sen nome. Son unha rapaza rubia, alta e, aínda que non me gusta recoñecelo, un pouco regordecha de cara. A miña pel é branca como a neve e, grazas ao sol, toda ela está cuberta de dimintuas pencas das que me gusta presumir sempre que podo. Por outra parte son unha rapaza un tanto especial, á que lle gusta ler libros, aprender sobre o noso pasado e imaxinar historias nas que podo vivir nun mundo onde expresarse sexa materia obrigatoria e a palabra igualdade non sexa obsoleta, un mundo que ula sempre a mar, ese olor que me inspira paz, limpeza… Son unha nena á que lle gusta estar soa a maioría do tempo pero que tamén necesita ter onde apoiarse cando o necesita, e para iso teño, ou mellor dito tiña, ao meu mellora amigo, Xil.
Por que digo tiña? Pois porque a Xil perdino o día no que toda a miña inocencia desapareceu de min. Ese maldito! Esa mañá de primavera… que asemellou ser coma unha mañá de frío e cru inverno… Dende ese día nunca volvín ser a mesma…
Todo aconteceu un día normal, que acabou por ser o peor de toda a miña vida. Coma sempre eu espertábame, collía unhas bolas de pan con manteiga e azucre e marchaba á praia a dar un paseo, o único diferente que aconteceu foi que Xil non estaba no punto de econtro cotián. Supuxen que quedara a durmir ou que tiña que ir á leira, así que marchei eu soa a gozar desa bonita mañá na praia camiñando tranquilamente pola limpa beira do mar.
O camiño que levaba cara a praia era silvestre, todo rodeado de toxos e de silvas cheíñas de moras tan saborosas que poderían ser pecado. Ao redor todo era verde e estaba cheo de paxariños que cantaban ao meu paso cancións da natureza que parecían cantos de anxos. Polo camiño podíanse ver pequenos coellos que cruzaban rapidamente, e se estabas moi atento incluso podías ver pequenas serpes deslizándose, aínda me lebro de un día no que vin a serpe máis grande da miña vida, debía de medir case que dous metros de longo, pero iso xa é outra historia… Ao lonxe podíase divisar a praia deserta, como a min me gustaba, e o mar estaba esa mañá bravío, con olas que chegaban tranquilamente aos 3 metros… Daba gusto camiñar cara a praia e escoitar o son do mar e que chegue a ti ese olor de frescor… Mentres baixaba fixeime na grande lagoa que tiña á miña dereita, estaba tan repleta de vida… Había patos todo aos seu ancho nadando tranquilamente e estaba cheíña de auga que proviña das choivas que se sucederan ao longo da semana pasada.
Ao chegar á praia descalceime e comecei a camiñar… Sentía tanta paz alí soa… Camiñei todo ao longo da praia sen atopar a ninguén e admirando a impresionante paisaxe que era só miña… Estaba tan cansa de camiñar que tiven que parar e sentar sobre a area, mirando cara o mar. Parecía que me atopaba nunha illa deserta , só se oía o cantar arrolador do mar… Cada vez sentíame máis a gusto eu soa tirada na finísima area… Estaba tan cómoda e sentíame coma se ninguén estivese ao meu redor, coma se eu soa existise nese mesmo intre, que decidín facer unha tolería e tirarme ao mar, que xa fora amainando pouquiño a pouco… Espinme e encartei toda a roupa para que non se enchese de area nin voase co fino airiño cálido que estaba a soprar esa mañá. Corrín desbocada cara a auga! A cada paso sentíame máis libre, máis infantil, máis eu… Ao chegar á auga tireime de cabeza, que boa estaba! Recordoume ás historias que me contaba meu avó cando era máis pequena, sobre as cálidas augas do Caribe, onde el fora a enriquecerse. Porque, sabedes unha cousa? Meu avó foi un dos moitos mariñeiros que marcharon ás terras dun home chamado Américo para gañar moitos cartos. Ou eso era o que el dicía…
Comezaron a pasar recordos sobre os meus avós por diante dos meus ollos, como din que pasa cando vas morrer… Mais eu estaba viva e unhas pequenas bágoas comezaron a caer pola miña cara recordando que bos tempos pasaramos meu avós mai eu xusto nesa praia na uqe me atopaba… Creo que pasei máis de media hora na auga mirando cara o ceo, que bonito estaba esa mañá e ademais o sol estaba no horizonte, aínda espertando, parecía que estaba a acariñar a auga quentandoa para que eu estivese a gusto…
Saín da auga ulidno a mar… Como me gustaba ese olor… Xa vos dixera que era unha rapaza un tanto especial e bastante diferente ás demais da miña idade… Creo que era a única que pensaba de verdade… Que pensaba neso que algúns chamaban filosofía… Sobre todo na grande pregunta: Por que existimos? Da que saquei moitas e diversas conclusión… Mais iso tamén é unha historia diferente…
De repente entráronme unhas ganas incribles de tirarme na area e quedar alí estomballada durante hora… Dito ou… pensado e fetio, fun correndo xunto á miña roupa e tireime volvendo a observar o ceo e as caprichosas formas que toman ás veces as nubes intocables do ceo. Un día gustaríame pode alcanzalas e saber de que están feitas… Só por curiosidade e así poder saber que é o que senten os paxaros ao voar… Que envexa me dan, son libres, e estou segura de que coñecen o mundo enteiro…
Penso que entre mirar cara as nubes e escoitar o son do vento acariñando ao mar quedei durmida… Mais non moito tempo xa que algún son me espertou de súpeto… Era un son estraño, como se alguén eo meu carón estivese a observar e á vez respirase moi forte. Pensei que só eran imaxinacións da miña mente así que non me deu por abrir os ollos e seguín alí estomballda na area. Pero de repente sobresalteime, algo ou alguén me estaba a tocar na barriga e nas pernas… Abrín os ollos a toda presa e á vez levanteime dun salto. Asusteime moito ao ver que o que me estaba a acariñar era unha persoa, mais que unha persoa asemellábase a un monstro. Era o máis horrible que vira na miña vida, era o que parecía un home pequeneiro pero á vez bastante corpulento e estaba cuberto cunha estraña vestimenta que parecía a dun corsario dos mares do Caribe, que meu avó me describira moito tempo atrás. Eu collín a miña roupa e comecei a vestirme con toda a presa que as miñas mans trementes me deixaba, á vez que os meus pés intentaban escapar daquel lugar, que se convertera nunha praia escura sen máis… Pero os meus débiler intentos foron en van, xa que sentín unha forte sacudida no meu lombo e de seguido como comezaban a turrar dos meus pés, impedíndome escapar. O seguinte que vin despois de comerme a area foi a cara dun noxente home mirándome, crédeme que esa cara era o máis espantoso do seu ser. Tiña unha cara dredonda coa pel esbrancuxada, chea de suciedade e do que parecían ser cicatrices, os seus ollos eran negros coma o ceo nun día de treboada e profundos e bravos coma o mar nun día de forte marusía, o seu nariz era gordo, feo e vermello e a súa boca noxenta debuxaba un sorriso malvado do que sobresaían uns dentes podres, dela saía un forte olor que eu recoñecín no momento, era o olor ao desperdicio de vida, cheiraba a ron. Era a cara dun tarado mental que non o contaría…
(Isto que relato a continuación non é moi fácil de escribir para min, xa que sempre estará presente na miña mente, alá vou…)
Sentín como as mans dese inmundo ser me daban a volta poñendo a miña cara contra a area, que nese intre parecía queimar coma o lume. Da súa boca só saían berros de maldade e de esforzo, xa que eu estaba a intentar desfacerme do cárcere que supuñan as súas mans apresando as miñas contra o meu lombo. Mentres, ca outra man estaba a turrar de toda a miña roupa que me dera tempo a poñer. Conseguiu espirme e nese intre pensei o peor. Notaba como intentaba espirse el tamén, conseguiu desabrochar o seu pantalón, e xusto nese momento cando xa tiña todo perdido, de súpeto escoitei un forte golpe e seguido sangue caendo ao lado da miña cara.
Sentín como a presión que atnes tiña nas miñas mans desaparecera e ao mesmo tempo o peso do corpo dese noxento home. Levanteime e o primeiro que vin foi á persoa que máis quería no mundo, Xil. Tiña a daga que sempre levaba encima na man, toda chea de sangue, e ao seu lado o corpo do home ca cara ensanguentada na area. Xil abrazoume fortemente, dicíndome ao oído que todo pasara e que sentira moito non estar esa mañá comigo. O meu mellora amigo convertérase tamén no meu heroe. O primeiro que fixen despois dese longo agarimo por parte de Xil foi collelo do brazo e empezar a correra cara o camiño para poder estar o máis lonxe posible da praia á que nunca volvería. Mias el quedou quedo sen decir palabra algunha á vez que eu lle berraba para que me fixera caso e marchar dese lugar, pero el seguí mirando para min cun sorriso na cara. E dinme conta, estaba ferido xusto no medio do peito, unha grande mancha vermella agrandábase cada vez máis na súa branca camisa, e o meu corpo tamén estaba tinguido de vermello debido ao abrazo que o meu amigo me dera como última despedida. Corrín cara el, agarreino para que non caese violentamente na area… Se lle virades a súa cariña, un rapaz alto, forte, de cara pálida e pencada como a miña e da que sempre saía un sorriso, convertida na mesma cara dun anxo que estaba a vivir os seus últimos intres a inxusta vida. Tumbeino sobre o meu regazo, comecei a gritar para que seguise esperto, dicíndolle que non me podía deixar así, que era o que máis quería na miña vida! Mais el, cos seus último esforzos, caloume poñendo o seu dedo na miña boca e secándome as bágoas que me caían dos ollos, como se dunha fervenza se tratase. Sabía que esa era a última vez que ía estar co meu amigo, así que calei e comecei a acariñarlle o seu louro e rizado pelo que tanto me gustaba. De repente comezou a falar, e sito foi o que dixo: “Sarah non chores por min, acórdate de min polo que fun e polo que fixen. Sabes que estarei sempre contigo, coidando de ti. Quérote Sarah, sempre pensei que seríamos amigos ata que chegaramos a ser anciáns e lembrar todas as aventuras que vivimos xuntos, mais agora ti ocuparaste da miña lembranza e riras lembrándome. Xa sei a respota á túa pregunta, polo menos o que ten que ver comigo. Eu existín para ser o teu amigo e coidar de ti, e así ser lembrado pola mellor persoa que existe no mundo, ti.” Esas foron as últimas palabras que Xil dixo, xa que despois acercóuseme e beixou a miña meixela no bico máis sincero e doce que me deran na miña vida. Os seus ollos fóronse pechando pouco a pouco mentres me miraban e a súa boca debuxou un sorriso feliz que perdurará para sempre.
Dende aquela maldita mañá de primavera comprendín o significado do nome de Xil, o protector.
martes, 23 de agosto de 2011
É un día gris, escuro, ante el só hai unha praia case deserta, e máis alá do seu nariz cleopátrico están as vellas montañas da irmán Eire. El atópase agochado entre as pallas, nunha duna calquera, escoitando o mar fundido co Chop Suey de System of a Down.
De súpeto todo para, o mar picado convértese nun prato, o vento xa non move os rumorosos, e as guitarras rompen contar o chan. Mais el non se inmuta, o seu sorriso non se move, o único que cambiara foran as súas mans.
O día comeza a rebobinar e a súa canción pasa a ser un son satánico. O sol ponse agora polo leste, o mar trae area, as casas desconstrúense aos poucos e el comeza a correr, porque simplemente sente que as súas pernas volveron nacer.
De súpeto todo para, o mar picado convértese nun prato, o vento xa non move os rumorosos, e as guitarras rompen contar o chan. Mais el non se inmuta, o seu sorriso non se move, o único que cambiara foran as súas mans.
O día comeza a rebobinar e a súa canción pasa a ser un son satánico. O sol ponse agora polo leste, o mar trae area, as casas desconstrúense aos poucos e el comeza a correr, porque simplemente sente que as súas pernas volveron nacer.
"Pode que só sexa unha rapaza con moito tempo de lecer..."
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
